A muiñeira I

guillerme.jpgJuanjo Fernández
Artigo:
A muiñeira I
DESCARGAR PDF


A muiñeira é o xénero musical galego máis significativo pola difusión que ten, polo número de pezas que aporta ó repertorio tradicional, polas variantes musicais nas que deriva e, sobre todo, polo carácter representativo do noso país no resto de España e o mundo. Tamén é un dos xéneros máis antigos, cunha historia que se perde no tempo, que mantivo sempre unha estreita asociación ca gaita do fol.

Dixemos “xénero musical galego” pero tal vez sería máis xusto decir “galaico” pois a muiñeira sobrepasa as fronteiras de Galicia por Asturias, León, Zamora e norte de Portugal, moi vinculada ás falas de todos estes territorios. O arraigo que ten a muiñeira en toda a rexión apréciase moi ben na adaptación da denominación ás diferentes linguas ou variedades dialectais. Maioritariamente é muiñeira, non so porque en casi toda Galicia se di muíño, senón que ademáis goza do estatus de denominación “oficial”, “académica”, “normativa”. Nas zonas de Lugo, Ourense, Asturias, León ou Zamora onde se di molín, mulín, moín ou muín pasa a ser moliñeira, muliñeira ou moiñeira, ainda que a correspondencia entre as voces utilizadas para o edificio e para o xénero musical non sempre é perfecta. Na zona portuguesa de Tras-Os-Montes nas que tamén esiste dise morinheira aínda que, neste caso, semella máis ben unha derivación da moliñeira galega e sanabresa do outro lado da fronteira, que algo local. No resto de Asturias e boa parte das provincias de León e Zamora, fóra xa da influencia cultural e lingüística galaica, utilízase muñeira tamén como adaptación da denominación galega, igual que máis ó interior peninsular, onde pode aparecer moi esporádicamente.

Ler máis »