Alalá (TVG)

Que é Alalá?

Alalá é un programa documental producido e emitido por Televisión de Galicia que se estreou o 14 de febreiro de 2006. Creado e dirixido por Senén Bernárdez Ferrán e presentado por Pilar G. Rego. Alalá leva na actualidade máis de 200 programas e especiais emitidos.

Alalá é un documental sobre música tradicional, tradición oral e en xeral sobre a cultura de Galicia. Cada capítulo, de media hora de duración, está dedicado a un músico, grupo ou asociación, aos que gravamos e entrevistamos in-situ, para que tanto a música como as esencias dos modos de vida e pensamento dos protagonistas se expresaran coa máxima profundidade e a mínima distorsión.

Cando se gravou?

O momento no que se gravou Alalá, do 2006 ao 2016, e a forma na que se gravou, fan de todo o material do programa un documento extraordinariamente valioso sobre a música e a cultura de Galicia, e ese valor irá crecendo exponencialmente co paso do tempo. Nestes anos o programa Alalá gravou a música tradicional situada no seu contexto real, o rural, e as diferentes expresións que se ían producindo a través dos ciclos do ano. A transformación da vida na aldea pola mecanización e a modernización e polo abandono e migración ás cidades, fan que todo isto fose desaparecendo, sendo xa un vestixio. O programa Alalá conseguiu rexistrar o seu espírito para as xeracións vindeiras.

grabacion

Vimos en Alalá vellos gaiteiros, bailadores e pandereteiras, que nos contaron en primeira persoa como era a música tradicional no seu contexto, o das tarefas do campo, os seráns e as foliadas. Escoitamos as súas historias, como vivían e que pensaban do mundo que lles tocou vivir.

Interese

Moitos profesionais do ensino e público interesado por aspectos concretos solicitáronnos programas e material de Alalá non só pola música tradicional, senón tamén por cuestións idiomáticas de zona, costumes, celebracións e aspectos culturais que interesan como material didáctico, para aprender cancións, recuperar costumes ou coñecer persoas e manifestacións culturais a través dos cales e do seu traballo profundar nos máis diversos campos.

O novo

A través desta canle de Alalá da Televisión de Galicia poderás acceder a todos os programas emitidos de Alalá pero tamén ás pezas completas de cada intérprete e material transversal ao programa que iremos incorporando. Actualmente, á parte dos Alalás emitidos hai máis de 1500 cintas cos rexistros en bruto de material gravado, interpretacións e entrevistas, descartes de montaxe, de enorme valor, con moitas persoas desgraciadamente xa falecidas, e que iremos poñendo a acceso do público a través desta canle.

As novas tecnoloxías de Internet permítennos realizar o soño, como televisión pública, de poñer este material de libre acceso a disposición pública. Poderase acceder aos contidos por número de capítulo e descrición pero tamén a través dun mapa das músicas de Galicia, por unha clasificación por instrumentos e tamén se poderá ir accedendo a contidos transversais a cada programa como pezas completas, fotos ou notas.

Facendo posible o programa

Para que o programa Alalá fose posible tivo que producirse a combinación astral axeitada. O programa foi creado por Senén Bernárdez Ferrán coa colaboración de todo o equipo de Alalá. Cada un foi achegando o seu gran de area para ir construíndo o programa e despois ir mantendo alto o nivel de creatividade e esixencia. A procura da espontaneidade nas gravacións, empatía e proximidade non puido atopar mellores cómplices que o equipo do programa e o sistema desenvolvido para realizalo.

Alalá soubo, en primeiro lugar, buscar o asesoramento dalgúns dos máis interesantes investigadores e coñecedores da música tradicional. Uxía, Pablo Carpinteiro, Félix e Cástor Castro, Xaime Estévez, Juanjo Fernández, Xavier Blanco, Luís Prego, Guillerme Ignacio, Peix, Raigañas, Toniño López, Luís Caruncho e moitos outros, asesoraron a Alalá. Diferentes visións da música tradicional que nos permitiron dar unha visión calidoscópica e aberta, coas súas contradicións, claro, posto que non hai unha visión unilateral nin cientificamente probada como verdade aboluta. Estas visións e as dos guionistas interactuaron coa da presentadora, cámaras, realizadores e o director, producindo  puntos de vista que moitas ocasións resultaron ser moi especiais, producíndose dinámicas extraordinariamente ricas.

Como se fixo Alalá? Pois con moito agarimo, con moita enerxía, moitas ganas e moito traballo. Ah! e tamén con liberdade.

O traballo

Os ciclos de traballo de cada programa eran de tres semanas porque 3 eran o número de guionistas de Alalá. Teresa Abuín, Chefi Vázquez e Arturo Fernández, traballaban sobre un informe previo realizado por un especialista, sobre esquemas ou investigacións previas do director do programa ou directamente investigaban eles mesmos durante unha semana para realizar a planificación das gravacións, secuencias a gravar, entrevistas e para ir rompendo o xeo telefonicamente cos protagonistas.

como-se-fixo

A segunda semana era a da gravación. Durante tres días o guionista co cámara realizaban o a gravación documental do programa. Só ían eles dous porque non se pretendía neses días invadir nin transformar nada, buscábase unha gravación moi pouco intrusiva, intuitiva, primando a improvisación e a naturalidade por riba de todo. Neste aspecto cabe resaltar o gran traballo realizado polos dous cámaras, que en períodos alternos traballaron no programa, Fran Lorenzo e Victorino Lourido. Os dous fixeron un traballo de gran calidade e virtuosismo, con rexistros realizados casi sempre sen trípode para que a realidade non esperase pola televisión. Cámaras e guionistas xogaron un papel determinante, tamén, na complicidade que Alalá conseguiu establecer cos seus protagonistas, porque tiveron a arte de converter o traballo en amizade e festa, vencendo así o medo ás cámaras dos músicos protagonistas do programa.

Gravacións documentais

Pilar García Rego mantiña durante estes días de gravación documental conversacións co guionista para a entrevista que faría o día de gravación do equipo completo. Sobre as preguntas do guionista, Pilar retocábaas para facer a súa entrevista. Fundamentalmente do que se trataba era ganduxar ben a xogada e marcar o gol como fose, ou nas gravacións documentais ou nas entrevistas de Pilar. O gol era, evidentemente, conseguir ese testemuño perfecto en que o protagonista se esquece da cámara e cóntao todo á perfección, co dardo na palabra, o xesto e o corazón. Case sempre Alalá marcou o gol porque na gravación documental creábase ese clima de complicidade e porque Pilar sabía con mestría facer as entrevistas coma ninguén, empatizando co espectador e levando as entrevistas na dirección adecuada.

grabacion2

Buscábase unha gravación moi pouco intrusiva, intuitiva, primando a improvisación e a naturalidade por riba de todo

Ese día de gravación do equipo completo había máis xente, pero toda a xente de Alalá tiña o mesmo respeto esencial de ese espírito co que se gravara nos días anteriores no documental que se transmitía ós entrevistados. Ese día tratábase de gravar a entrevista ou entrevistas de Pilar con dous cámaras e tamén gravar coa máxima calidade posible as pezas interpretadas polo grupo protagonista, con microfonía específica e multipistas. Gran parte das gravacións fíxoas CasaDeTolos, cunha unidade móbil que levou polos sitios máis incribles e que nos permite gozar hoxe dunhas gravacións de calidade que en moitos casos son os únicos rexistros duns intérpretes xa desaparecidos.

A montaxe

Na terceira semana de cada ciclo tocaba a montaxe. Normalmente con moito material de gravación, porque o criterio era pecar máis por exceso que por defecto, cada semana os realizadores Fernando Moreiras e Juliana González alternábanse en conseguir, co guionista, darlle forma a 5-8 cintas de media hora, moitas veces con material de gravación tan bo que resultaba moi difícil escoller. A montaxe terminábase moitas veces pasadas as doce da noite do venres e co guionista e o realizador esgotados polo esforzo. Non todos os programas quedaron de 10 pero si que hai moitos que teñen unha calidade asombrosa para un programa semanal grazas o excelente traballo de Fernando Moreiras e Juliana González.

Tratábase de conseguir un programa compacto, con varios niveis de lectura, que puidese chegar desde o corazón e desde a cabeza, á aldea e á cidade, a mozos e maiores, a xente que sabía pouco ou nada de música tradicional e a expertos no tema. Non foi fácil.

O visionado

Os luns tocaba un visionado fresco do programa e retocar a montaxe no que houbese que retocar e deixalo listo para a posprodución final de vídeo e de audio. Na posprodución de vídeo realizábase o etalonaje dos planos e na audio, Manuel Videira, conseguía unificar as diferentes fontes de son, micrófonos, músicas e fondos musicais dando ese toque de calidade que só se aprecia se prestas atención específica pero que todos os Alalás teñen. A calidade de que todo se escoitara ben, equilibrado e cun son natural.

grabando

Paralelamente a estes ciclos de tres semanas o director, Senén Bernárdez ía buscando novos programas e retocando os existentes e os produtores, Manuel Fernández e Fina Cibeira, facendo posible que a maquinaria xirase.

Como se fixo Alalá? Pois con moito agarimo, con moita enerxía, moitas ganas e moito traballo. Ah! e tamén con liberdade.

TVG e a cultura galega

A cultura galega, ben representada a través de artes como a literatura, tivo por razóns históricas e industriais unha moi escasa e frecuentemente distante representación a través do cinema, e son contados os casos de rexistros documentais ou musicais de interese. Cando Televisión de Galicia inicia a súa andaina no ano 1985 atopa facilmente o seu oco e a súa finalidade no rexistro do seu país, producíndose así documentais e programas de gran interese que en moitos casos, non sempre, adoecen dunha falta de proximidade cultural. O paisano da aldea segue sendo en moitos casos un paisano que fala ante o universitario vido da cidade nun plano de inferioridade e aparece nos estudios como un peixe fóra da auga.

 A aldea pasa a ser o que é, a nai da cultura de Galicia

antigua

Alalá, con algún notable precedente anterior, cambia radicalmente esta perspectiva. Buscamos a naturalidade e a espontaneidade. A aldea pasa a ser o que é, a nai da cultura de Galicia, e o paisano convértese en protagonista, en portador da tradición. O gaiteiro deixa de ser o gaiteiriño, a pandereteira deixa dunha velliña típica que curiosamente canta e ambos soben ao pedestal que se merecen. Pasan a volver ocupar o espazo principal do campo da festa e da vida. Os protagonistas do programa non tardan en notar a diferenza de tratamento, séntense escoitados e valorados.

Comunión de público e televisión

Prodúcese entón unha comuñón absoluta entre o público e a televisión que serve a ese público. Poucas persoas son capaces de verbalizar o porqué pero parece que a Telegaita se reinventa a si mesma e a gaita atopa por fin a porta principal da Televisión de Galicia e a xanela ao fogar de todos os galegos. Alalá consegue un espectacular rendemento de audiencias, baixos custos, rendibilidade cultural, representación de Galicia e recibe unha chea de premios e de recoñecemento, varrendo ao mesmo tempo en audiencias, cun programa cun contido nítidamente cultural, a calquera outro programa da competencia, telelixo ou non.

Prodúcese o “efecto Alalá”

É nese momento cando se produce o “efecto Alalá”, que en ocasións supuxo mesmo un problema na gravación do programa, pero que non deixa de ser un revelador caso de interacción dunha televisión pública cos seus receptores. Nas primeiras gravacións, cando entrevistabamos a unha persoa moi maior e contábannos as penurias pasadas na súa infancia facíano con vergoña e timidez. Despois do éxito alcanzado por Alalá e que todo o mundo no rural vise o programa, as cousas foron cambiando e atopámonos o paradoxo de que os protagonistas recoñeceron en programas anteriores o mérito de sufrir e superar grandes dificultades para saír adiante, superando así a vergoña e pasando a contar as terribles penurias e privacións sofridas cheos de orgullo, sen a vergoña que lles acompañou sempre, sen complexos. Con Alalá os protagonistas do programa sentironse ben retratados, queridos. Poida que o programa perdese elementos dramáticos, pero a aldea galega gañou en autoestima.

efecto-alala

As moitísimas chamadas recibidas despois dos programas polos protagonistas foron o mellor premio para o programa Alalá. Moitos deles sentíronse pletóricos despois de atender chamadas de todo o mundo, mesmo de familiares da Galicia exterior que levaban anos sen ver, xente que lles chamaba emocionada e chorando, que os vía como o que sempre foron, xente sabia, portadora das nosas tradicións, transmisora de músicas que se fusionan cos nosos xenes.

Versión completas das pezas interpretadas

Nos programas de Alalá cortamos as pezas para poder ofrecer un repertorio variado de cada grupo e tamén ter tempo suficiente para o relato documental. Nembargantes moitas das pezas que no programa aparecen cortadas semellan co tempo ter un grande valor. Por este motivo comezamos a reeditar as pezas completas e queremos poñelas ao alcance de todos usuarios da televisión pública galega. En moitos casos estas pezas son os únicos rexistros de intérpretes xa desaparecidos e o seu valor é incalculable.

edicion

Material inédito e brutos

Do mesmo xeito que no caso das pezas completas, fóra da media hora de programa quedaron rexistros de gran valor documental que queremos ir asociando a cada programa e poñendo a disposición pública. Entrevistas completas, conversas, anacos da vida e costumes dos protagonistas de Alalá. Auténticas xoias documentais.


Temporadas:

Máis información en http://alala.crtvg.es/