José Fernández, O Ghaiteiro do Piñeiro

guillerme.jpgGuillerme Ignacio Costa

José Fernández, O Ghaiteiro do Piñeiro
(Aldán, Cangas do Morrazo)


CARA B

Os dous días de gravación maratoniana naquel marzo de 2009, deron para encher un Cd con 22 cortes ben xeitosos e variados (todo tipo de bailables, amais dos Reis e a Dansa de Aldán), e aínda sobrou material para unha Cara B que agora ve a luz a través da rede.

Son catorce cortes extra nos que José interpreta trece bailables máis unha alborada en formato trío acompañado ao tambor de Felisiano mais o bombo d’O Peix; e en cuarteto a dúo de gaitas con Manuel ou co acordeón de seu fillo Javier.

Non deixedes de botarlles ollo, son 100% bailables e 100 % Rías Baixas ;).

Viva o Ghaiteiro do Piñeiro!!


con-felisiano-ao-tambor

A vida do Ghaiteiro

José Fernández Canosa naceu o un de Decembro do 1935 no barrio do Piñeiro, na parroquia canguesa de Aldán. Fillo de Avelino Fernández Herbello e Dolores Canosa, tivo que se pór a traballar nun serradoiro coa idade de oito anos. Aos dezaoito meteuse de albanel, oficio que desempeñaría, xunto co de gaiteiro, o resto da vida. Montou a súa propia empresa de construción, pero aínda así acabou tendo necesidade de buscar traballo fóra, primeiro en Zaragoza polo 1976, onde estivo tres anos, e máis tarde saíndo por contratos de verán a Suíza outras cinco ou seis tempadas. No 1988 volta ao seu barrio natal d’O Piñeiro e retoma a súa empresa de construción, xubilándose no 2000, aos sesenta e cinco anos.

Aos vinte e catro anos coñece na Rapa das Bestas de Sabucedo a Carmen Ambrou Lago, e logo dun intenso ano de ir e vir na súa bicicleta ata o lugar de Deán para poder falaren, casa con ela no ano 1960, na igrexa de San Martiño de Figueroa, Cerdedo. Marchan a vivir ao Piñeiro onde constrúen a súa casa. Tiveron cinco fillos e dúas fillas, dous dos cales manterán a paixón pola música do seu pai: Javier (acordeonista neste disco), e máis Rafael.

Os primeiros referentes da gaita teraos José ben perto: seu pai Avelino e máis seu tío materno Eustaquio eran gaiteiros de certa sona na parroquia, e mesmo seu avó paterno José fora tamén gaiteiro. O pai do noso José, Avelino, ademais de gaiteiro xeralmente solista, era bombeiro nun interesante cuarteto xunto co caixeiro Serefín o Bichuco, o gaiteiro moañés O Tornillo, e máis un tal Santos de Bueu, que tocaba o frautín.

E así foi que xa dende ben novo comeza José a practicar na casa ou ao ir co gando ao monte coas frautas de cana que el mesmo facía, ben “de pito” ou ben “de través”, cos mesmos oito buracos que leva o punteiro. Tamén aproveitaba cada ano a vexiga dos porcos para armar unha gaita de cana, con punteiro, soprete e mesmo un ronco “de adorno”. Ao pai de José, malia ser gaiteiro, non lle chistaba que lle andaran coa súa gaita (“en re e con dúas claves” para os sobreagudos), polo que tiña que lla coller ás agachadas cando este non estaba na casa. Tan mal lle parecía a Avelino, que mesmo lle dicía a seu fillo que non chegaría a gaiteiro “na vida”. Pero tamén había quen animara ao noso gaiteiro, de xeito que ao pouco de comezar a traballar de albanel, polos vinte anos, pediulle ao seu xefe emprestados os cartos para mercar a súa primeira gaita (“en si bemol e sin ronquilla”), nos almacéns Villanueva de Vigo.

Con esa primeira gaita foi como empezou a armar José as súas primeiras foliadas na parroquia. Xuntouse con dous mozos do barrio: Loureano O Catón, que tocaba o bombo, e máis Manolo o da Neta, Lasqui, que tocaba a caixa. Entre os tres facían a festa para si e máis para a rapazada toda do Piñeiro e do veciño Erbello os sábados á noite e máis os domingos, chegando a armala mesmo n’O Hío.

Logo de casar no 1960, José pensa en pasarse á actividade gaiteira dun xeito máis profesional. Xúntase para iso con seu primo Armando, fillo de Eustaquio e tamén gaiteiro; seu cuñado Manolo de Marselino ao bombo e o irmán deste, José de Marselino á caixa. Nunha tenda de música en Pontevedra mercan dúas gaitas de ébano en do e sen ronquilla, hoxe desaparecidas. Fan tamén os primeiros traxes, ao estilo dos grupos de gaiteiros da época e, sendo todos do Piñeiro, recuperan o nome que José herdara da familia: Airiños do Piñeiro.

Tocan con esta primeira agrupación en múltiples festas da contorna: festas do San Pedro en Cangas, San Sibrán e San Amaro en Aldán, Santiagho de Donón, acompañando múltiples procesións… Comezan tamén a ir ao Carnaval, primeiro en Erbello (Aldán) e Darbo, e logo en diversas aldeas d’O Hío: Vilanova, Pinténs, Liméns ou Donón, aldea á que tamén ían facer algunha foliada de domingo.

Polos anos setenta, cando os irmáns José e Manolo de Marselino empezan a traballar á altura, José bota man do caixeiro Felisiano Otero de Vilanova (pai do actual tamborileiro) e dos seus propios fillos Javier e Rafael, que se van facendo gaiteiros da man do seu pai.

Entre o 1976 e o 1979 José sae traballar a Zaragoza, onde continuará exercendo de gaiteiro para o grupo de baile do Centro Galego, co que mesmo chegou a tocar en Barcelona. Ao voltar, cadran con Antón Corral, que daquelas tiña o seu obradoiro en Ortigueira, e encárganlle unha parella de gaitas en re, tomando como referencia aquela do seu pai que tanto lle prestaba a José. A novidade principal destas dúas gaitas vai ser que os seus donos van empregar por primeira vez as ronquillas, tal como levaban anos facendo gaiteiros coma os Tranquilos de Lavadores. Por outra banda, José lembra ademais o emprego do chillón por un gaiteiro xa mítico da comarca: Señor Jesús o Carballeira, gaiteiro de San Pedro (Cangas), que segundo nos conta parecía que tocaba “dous punteiros a un tempo”.

Nesta época o cuarteto sufrirá diversos trocos, mudando os compoñentes mesmo de actuación en actuación segundo a dispoñibilidade dos músicos, mais mantendo por suposto o eixo central en José. O gaiteiro Armando terá que ir ao mar e abandonar o grupo; entrará como bombeiro Xosé Bermúdez “O Peix” (actual bombeiro); Javier tamén irá ao mar e será Manolo Sotelo (actual parella do gaiteiro) quen collerá a gaita… E así sucesivamente irá José botando man de uns ou outros segundo a situación, mais sempre sen deixar de ter o grupo como tal en activo.

Estas flutuacións na formación dos grupos non eran só cousa dos Airiños do Piñeiro, xa que tamén foi José o reclamado en diversas ocasións para tocar con cuartetos xa históricos no Morrazo coma Os Airiños do Mar do Hío, cos que chegou a tocar varios anos o bombo e maila gaita; Airiños do Castelo (San Pedro, Cangas); Airiños do Liboreiro (A Portela-Bueu)…

Do mesmo xeito, entre o 1981 e o 1988 tocan para o grupo de baile Airiños de Arcade (Soutomaior), participando por tempadas tamén con eles os piñeiráns Pablo González Fernández á gaita no sitio de Javier, e Jesús González Canosa ao bombo no lugar de Xosé Bermúdez “O Peix”.

libreto-6-botando-os-reis-diante-da-igrexa-de-aldan-xaneiro07

libreto-4-dansa-de-aldan


FICHA TÉCNICA

con-pablo-barreiro

Gravación e mestura

Pablo Barreiro

Textos e producción

Guillerme Ignacio

Músicos

airin%cc%83os-do-pin%cc%83eiro-peq

Airiños do Piñeiro:

  • José Fernández Canosa (O Piñeiro-Aldán, 1935): gaita de fol.
  • Feliciano Otero Fernández (Donón, O Hío, 1950): tambor.
  • Xosé Bermúdez Docampo “O Peix” (A Espiñeira-Aldán, 1955): bombo.
  • Javier Fernández Ambroa (O Piñeiro-Aldán, 1962): acordeón.
  • Manuel Sotelo Lluque (Donón-O Hío, 1951): gaita de fol.

Deixar un comentario