Artigos, Francisco Rozados

O Vreeiro por Terra de Montes e Tabeirós. Comercio e peregrinaxe

francisco rozados.jpgFrancisco Rozados “Rochi”
Artigo:
O Vreeiro por Terra de Montes e Tabeirós. Comercio e peregrinaxe
DESCARGAR PDF


Resumo. O camiño denominado tautoloxicamente Vreeiro era unha ruta medieval utilizada polos arrieiros para levar o viño do Ribeiro a Compostela, pero na súa orixe está ademais unha das rutas de peregrinación máis utilizada polos camiñantes que do norte de Portugal se dirixían tamén á cidade do Apóstolo. Por Terra de Montes e Tabeirós deixa unha interesante pegada do enorme significado e trascendencia que tiñan tanto o comercio coma a relixión na Idade Media e na Idade Moderna por estas terras.

Abstract. The path, tautologically known as Vreeiro, was a medieval route used by mule drivers to carry Ribeiro wine to Santiago de Compostela. However, this was originally the most famous pilgrimage route used by travelers who went to Santiago from the North of Portugal. There is a great significance related to religion and trade in these places, Terra de Montes and Tabeirós, in the Middle Ages and in the period from the last decade of the 15th century up until the French Revolution.

Et modo quae fuerit semita, facta via est*
(Marcial, Epigramas, 8)

Dicía François René de Chateaubriand que o home non necesitaba viaxar para se engrandecer porque en si mesmo leva a inmensidade. Esta afirmación pode ser o froito dunha visión exacerbadamente antropocéntrica e romántica, como romántico era quen a pronunciou –de feito un dos faros do romanticismo literario no país veciño–, mais non responde a un prognóstico realista ou mundano, posto que o home viaxou, por infinidade de motivos, desde que está sobre este planeta fermoso e caótico a un tempo, e iso contribuiu a que, dun xeito ou doutro, se engrandecese constantemente, porque as viaxes implican intercambios, e os intercambios aluman nova sabedoría que redunda no agrandamento moral, social e cultural das xentes. Por tal causa, os camiños –desde as antigas vereas enlousadas ata as novas e rutilantes autoestradas– son fonte de coñecemento, e o viaxar é un verbo que nos urde máis humanos e máis sabios con cada día que pasa. A idea da aldea global de Mcluhan expresa a exponencialmente crecente interconectividade humana a escala planetaria. O principio que impera neste concepto é o dun mundo interrelacionado, con estreitez de vínculos económicos, políticos e sociais. Poderiamos engadir a visión que tiña alguén moi relacionado coas terras que atravesa o camiño Vreeiro. Antón Losada Diéguez naceu en Boborás e viviu na Estrada os seus primeiros anos. Deixou escrito que “foi sempre unha tendencia do home camiñar dun lugar a outro o máis axiña posíbel. O se movere coa velocidade que cumpre nun caso dado, foi dend’os máis antigos tempos unha posibilidade que sinificou forza física y eiconómica. Eisí os vellos patriarcas, os xefes das tribus nómadas y os grandes guerreiros. Os seus gandos, as súas bestas y os seus carros eran a expresión da potencialidade súa… por moito tempo, por moitos sigros, quen non tuvera un faco, ou un carro, ou un barco, e quixera se movere, había se resinar ás longas camiñatas a pé, ou camiñar dentro da ialma”.

Xa que logo, as viaxes non se democratizaron ata que o desenvolvemento da tecnoloxía permitiu tal cousa. Antes da era tecnolóxica, as vías de intercambio e conexión entre comunidades eran os camiños, sendas e vereas que aínda perviven, en peor ou mellor estado de conservación, nos territorios poboados.

Un destes camiños, que nos toca moi de preto, é este que hoxe tratamos: o camiño chamado, tautoloxicamente, Vreeiro, pois vreeiro tén practicamente o mesmo significado que camiño ou vieiro. O Vreeiro engarzaba en sentido sur-norte as comarcas do Ribeiro, Carballiño, Terra de Montes, Tabeirós e Santiago, cruzando os ríos Arenteiro, Lérez, Umia e Ulla e pasando por terras montuosas coma as da Serra do Faro ou do Suído. A finalidade primordial do camiño era, por suposto, o transporte do viño do Ribeiro ata Compostela. A importancia deste transporte constátase na capital compostelá, coa existencia dunha porta de entrada coñecida popularmente coa denominación de Porta do Viño (a Porta de Mazarelos, única que se conserva da antiga muralla). Tamén podía entrar pola Porta Faxeira. Desde calquera das dúas era distribuído dentro dos mercados da cidade do Apóstolo e partía cara a outras vilas e cidades do noso país. Estas dúas entradas eran tamén compartidas polos peregrinos que arribaban do norte de Portugal, pois o Vreeiro comparte moitos tramos con esas rutas de peregrinaxe.

Durante a época medieval, como todos sabemos, Santiago era centro administrativo, e tamén de servizos e mercadorías, e supoñía un dos tres principais destinos das peregrinaxes cristiás, xunto con Roma e Xerusalén. O importante comercio medieval afectaba non só ó transporte do viño, senón tamén a outras mercadorías indispensables para a mantenza e para a propia conservación dos alimentos e outras necesidades dos fogares, como o sal, o peixe, o xeo, o carbón ou a cera. Todos estes produtos percorrían os camiños e sendas de Galicia de sur a norte e de este a oeste, tendo lugar importantes feiras de carácter regular en lugares próximos ás distintas vías de comunicación existentes na época.

Os arrieiros, transportistas do viño, eran coñecidos por todos os lugares de paso. Realizaban o seu labor coa axuda de animais de carga (acostumaban ser bestas ou mulas) e odres, e son moitas as anécdotas e cántigas populares que lembran o seu oficio.

Arrieiros son os homes,
arrieiros os homes son,
levan amor feiticeiro
cravado no corazón.
A vida do arrieiro
non hai vida coma ela,
a semana no carreto
e o domingo na taberna.

Como descendente que son de arrieiros da parroquia de San Pedro de Quintillán, tamén eu ousei recrealos na ficción, no libro de relatos “Memoria de Trasdomonte”. Na narración titulada “Forcarei no tempo das cereixas” hai un parágrafo no que tento transmitir moi concisamente a alma e a historia dos arrieiros de Montes e do propio camiño:

… era a crónica dun perpetuo carpe diem aguilloado pola perentoriedade dunha vida que se esvaía, efémera, como o sol de outono. É a crónica da vida e dos tempos que eu gusto de traer ó presente unha e outra vez.
Utilizaban aqueles vellos trafegantes un camiño segundeiro que ficou para a intrahistoria como camiño “vreeiro”, tautoloxía rara en tempos de forzada economía e frugalidade. Camiño que nacía co grallar do vichelocrego en Ribadavia –onde tamén anda este paxaro dentirrostro por vicheloclérigo, quizais en empeño por facer aínda máis rara a avis– e morría co oular das curuxas picheleiras. No seu devir fuxía das portaxes e outras alcabelas, pasando das parricholas do Ribeiro ás leiras montesías do Suído e do Seixo pola raia dominial dos cenobios de Melón e Aciveiro, para cruzar logo todo Trasdomonte de Austro a Bóreas, e seguir adiantando polas terras de Tabeirós ata introducirse xa nos arredores da vila arcebispal.

Podemos dividir o Vreeiro en tres treitos segundo as bisbarras que atravesa, comezando polo tramo de Celanova ó Ribeiro, continuando co de Ribadavia ás terras do Carballiño e dende esta comarca ó seu remate pasando por Terra de Montes e Tabeirós.

De Celanova ó Ribeiro

Existía por estas terras un camiño real polo que realizou a súa viaxe Frei Martín Sarmiento, pasando polos lugares de Vilanova dos Infantes e cruzando o río Arnoia pola Ponte Freixo. Achegábase logo a Santa Baia de Anfeoz e seguía pola actual estrada comarcal ata Cartelle, desde onde continuaba á ermida de San Roque, Os Noallos, Paradela e Castrelo de Miño. Este sería o final do primeiro tramo.

De Ribadavia ás terras do Carballiño

Da vila de Ribadavia, que foi capital do Reino de Galicia desde o ano 1064 ata o ano 1071, dirixíase ó lugar de Francelos, chegando a Codesás por tras da Granxa de Outeiro. O seguinte punto era o lugar de Quins, onde se iniciaba o camiño nas estribacións da Serra do Faro, polos lugares de Vilar de Condes e Prados, dirixíndose despois a Camposancos, xa no concello de Avión. Aquí, o camiño achegábase á Serra do Suído, en dirección á Portela da Cruz, pasando polo Porto de Arca, Carixa, Porto de Rodeiro, Laxa Branca e Marco da Corchela. Dende a Portela da Cruz baixaba pola Costa da Bouza, por Ponte Baíste, polo lugar de Candedo e a coñecida como Laxa das Merendas, todos estes lugares no concello de Beariz.

Das terras do Carballiño a Compostela

Entra o Vreeiro na Terra de Montes polo lugar presqueirense de Alfonsín, pasando por San Miguel e Morgade, e tomando logo dirección ó concello de Cerdedo, cara ó lugar de Folgoso e atravesando o Lérez pola Ponte de Parada. De alí, iría á paraxe de Lama Ferrada, ó Vieiro, Liñares e a Mámoa. Desde a Mámoa, seguiría por Cima da Costa ata as Baiucas e collería logo cara a Quintillán (nome orixinado nun posuidor romano) e a Rúa, xa en Meavía. Pasaría entón o río Umia pola Ponte de San Amaro e logo iría ó lugar de Cruceiro. En terras da Estrada transcorrería polos lugares de Pardemarín, Olives, Curantes, Ancorados e Riobó, ata a súa chegada á Ponte de Sarandón para cruzar o río Ulla e introducirse xa nos arredores de Compostela.

Este sería o percorrido primordial, ó que habería que engadir pequenas variantes ou ramais secundarios que comunicaban lugares próximos de certa importancia que non figuraban no ramal principal do camiño (é o caso do mosteiro de Santa María a Real de Aciveiro, ó que acudían multitude de peregrinos, como amosa o feito de que tivese un patio chamado precisamente Patio dos Peregrinos ou da Hospedería). Desde o século XIII houbo en Aciveiro unha gran feira, que atraía xente de toda a comarca de Terra de Montes e tamén de Trasdeza. Isto xerou gran cantidade de camiños que comunicaron as parroquias do coto (Forcarei, Millarada, Dúas igrexas) co mosteiro. Tamén se xeraron dous camiños para os feirantes que viñan das terras de Deza e Trasdeza. Un sería o que vai por Parada e Vilatuxe, flanqueando o Candán, e outro por Grovas, Porto do Frade, Moá, Portela e Zobra, que leva tamén ó Ribeiro, segundo nos conta o que fora cronista de Montes, Antonio Rodríguez Fraiz.

Outro dos ramais, ó chegar a Beariz, no canto de coller cara a Presqueiras, iría por Soutelo de Montes. De aquí continuaría a Vilapouca, Cachafeiro e Gaxín, e atravesaría o Lérez pola Ponte Gomaíl, xuntándose na Mámoa co ramal principal. Precisamente, no treito de Ponte Gomaíl á Mámoa aínda se podían ver hai uns anos capas dese ramal do Vreeiro que se descubriran pola erosión das augas. É preciso establecer un vínculo, como xa dixemos, coas rutas de peregrinaxe que se achegaban á cidade do Apóstolo desde o norte de Portugal. E é preciso porque no percorrido existen advocacións que nos falan do culto cristián e moi concretamente do culto a Santiago. Existen advocacións de distintas parroquias como San Xoán –por exemplo San Xoán de Ribadavia ou San Xoán de Meavía (Forcarei)–, que realizaban servizos médicos e de protección a peregrinos; San Cristobo –de Regodeigón–, patrón dos viaxeiros, ou o propio Santiago –Santiago de Ribadavia ou Santiago de Pardesoa (Forcarei)–. Tamén hai moitos topónimos e microtopónimos no traxecto que fan alusión á propia condición de camiño de tránsito, como poden ser A Torre e O Pousiño –na freguesía forcareiense de Santa Mariña de Presqueiras–, A Paradela –na freguesía de San Miguel de Presqueiras, tamén en Forcarei–, O Vieiro e Parada –na freguesía de Santa Mariña de Castrelo–, Rúa, Meavía, Portela, Porto… con referencias palmarias ó paso de persoas e de vías de comunicación e transporte.

Que era senda habitual tanto de peregrinaxe como de comercio podémolo colixir dun documento conservado nos arquivos do Concello de Ribadavia, datado no ano 1784, no que Don Pedro Martín Cermeño García de Paredes, Capitán Xeral do Reino de Galicia, emite un memorial feito polo cóengo da Catedral de Santiago Don Jorge Cisneros, contando ó gobernador que fora tomar os baños á vila de Cortegada, e queixándose dos camiños, pontes e tránsitos, que se conservaban en mal estado:

Don Pedro Martín Cermeño García de Paredes, Cavallero de la Orden de Alcantara, Teniente General de los Reales Egercitos, de el Consejo de S.M. en el Supremo de Guerra, Gobernador y Capitan General del Reyno de Galicia, y Presidente de su Real Audiencia…
MEMORIAL.
EX.cmo SEñOR:
Don Jorge Cisneros, Canónigo de la Santa Metropolitana Iglesia de Señor Santiago, hace presente a V.E. que con motivo de passar a los baños de Cortegada ha transitado por los dos Caminos que hay de esta Ciudad al Ribero, los que se hallan tan deteriorados que se conoce que en muchos años no fueron reparados; haviendo algunos passos intransitables en donde el Comercio padece mucho por perder en ellos su hacienda, como acaeció a un pobre Arriero, quien viendo reparar provisionalmente el que hay desde esta Ciudad a la Barca de Sarandón, ofreció que como se reparase de la misma suerte lo demás, y en particular la Cuesta de Ribeyra, que está passada dicha Barca, donde havia perdido el mejor ganado que tenia, daria quinientos reales para Herramientas de los dos Caminos referidos y siendo el de la expressada Cuesta que passa por Montes al Ribero, y el otro que va por Deza faciles de componer, por ser lo más de ello Monte abierto, y de gran utilidad al Publico, no solo por el Comercio de dicho Ribero, sino también por el de Castilla: Suplica a V.E. se digne mandar que se reparen dichos Caminos de la propia suerte que lo están haciendo desde las Barcas de Ulla y Sarandón a esta Ciudad, pues con ello podrán transitar con menos incomodidad los Peregrinos, Passageros y Gente de Comercio. Asimismo, suplica el que se sirva V.E. mandar se reparen las tres entradas de esta Ciudad en los Caminos Reales de Castilla, Coruña y Pontevedra, los que ya están deteriorados, y el primero con pantanos inmediatos a la Ciudad, y que a lo menos sea en cada uno a legua de distancia, para que los pobres Peregrinos que vengan a ganar el Santo Jubileo del Año Santo inmediato, quienes muchos de ellos, luego que ven las Torres de la Basilica de nuestro Apostol Santiago, unos vienen descalzos, y otros de rodillas hasta llegar a dicha Basilica, lo puedan egecutar con menos trabajo, y pena, cuyas tres leguas de Camino después de reparado, para que no se deterioren, ofrece el que suplica poner gente a su costa que los mantenga en el minimo estado en que se hayan reedificado […] de suerte que no se sigan perjuicios algunos a las personas, Carros, Cavallerias, y mas ganados, con el ancho correspondiente, y el menos que quepan dos carros a la par, a los quales dichas Justicias harán concurrir, ò contribuir à todas las personas de qualesquier Estado, calidad, ò preeminencia que sean sin excepcion alguna…

Este documento foi enviado polo Capitán Xeral do Reino ó Concello de Ribadavia, e este, á súa vez, ordena ás xurisdicións correspondentes por onde pasa o camiño a Santiago que se ensanchen e reparen as vereas reais que veñen da igrexa de Santiago pola ponte e barca de Sarandón a Ribadavia, co ancho polo que poidan caber dous carros.

O vínculo de Ribadavia coa cidade do Apóstolo vén de moi antigo. Os reis comezaron a darlles terras e viñas no Ribeiro ós cóengos da catedral. No ano 985, o rei Vermudo II concédelles trinta colonos para labrar a terra da Vila de Vide, en Castrelo de Miño, entre eles quince viñateiros, cultivadores de vides. No ano de 1133 concédeselle a Santiago o primeiro foro municipal da cidade. No documento faise alusión á calidade do viño de Castela –lembremos que as terras do Ribeiro eran denominadas Castela Auriense desde a división de Wamba no ano 675–. Santiago foi o primeiro mercado importante do viño do Ribeiro. Foi senlleira a confraría dos tratantes do viño, que anotaban e rexistraban todo o viño que entraba na cidade para ser vendido, pagándose por monllo. Sucedéronse múltiples doazóns ó longo dos anos.

A igrexa de Santiago en Ribadavia é unha mostra palpable da ruta de peregrinaxe que ía pola zona. Toda ela é unha evocación iconográfica á peregrinación. No ano 1164 o rei Fernando II concédelle o foro municipal a Ribadavia. As ordes militares –a de Santiago, a de Calatrava, a de San Xoán e a dos Templarios– aséntanse entón na vila. Unha das principais misións que marcaban os seus estatutos era a de protexer os peregrinos que viñan de Portugal. A orde de San Xoán funda con esa idea o edificio Hospital de San Xoán –hoxe sede do Consello Regulador do Ribeiro–.

O camiño xacobeo polo Ribeiro é un dos máis antigos dos que temos noticia. Procedía de Portugal –con casi toda probabilidade da zona de Melgaço e Ponte da Barca– con destino a Padrenda, Cortegada, Arnoia e Castrelo de Miño, onde existía unha ponte atribuída a San Pedro González Telmo, falecido no ano 1246. Esta ponte estaría en servizo durante uns trescentos anos, ata a metade do século XVI. No primeiro terzo do século XIII, os peregrinos que procedían de Arnoia pasaban esta ponte de Castrelo con dirección á parroquia de San Paio de Ventosela e pola verea real de Ourense a Ribadavia e á ponte de San Francisco, construída antes do ano 1257, e documentada nunha doazón –“Lupus Petri da al abad Lorenzo parte de la azena en Ribadavia debajo del puente”–.

Na segunda metade do século XVI, despois de que a ponte de Castrelo sufrise o derrube dos seus arcos, toman importancia a barca e o Porto Corbaira. Foi a barca máis transitada de toda a provincia de Ourense. Pasaba as mercadorías, pedra, viño, madeira, transeúntes e peregrinos para ir a Santiago. Os que procedían de Portugal chegaban a Reza, onde se situaba a barca na marxe esquerda do Miño, e pasaban á marxe dereita, onde entraban a Ribadavia. Tanto a barca como o porto pertenceron logo ó mosteiro de Santa María de Melón. Na barca cabían dous carros de bois cargados e seguiu funcionando ata os anos setenta do pasado século.

De Ribadavia, os peregrinos saían, polo Camiño Real, para San Cristobo de Rego de Eigón. Pasaban por unha ponte chamada de Veronza, por onde pasaban tamén os arrieros. O camiño seguía logo paralelo ó río Avia pola súa marxe dereita, e chegaba a Beade. De aí a Boborás, Beariz e Terra de Montes, para seguir polas terras de Tabeirós a Compostela. A concomitancia das dúas vertentes da viaxe, a de peregrinaxe e a do comercio do viño, está máis ca demostrada.

Non estaría mal que o camiño fose recoñecido novamente, sinalizado e rehabilitado en condicións para que os peregrinos interesados puidesen realizalo coma calquera das outras rutas xacobeas. Entre os atractivos que podería atopar o viaxante neste roteiro atópanse, ademais dos ambientais (as serras e os ríos mencionados coas súas paraxes case virxilianas) moitos dos monumentos máis representativos das zonas que atravesa, entre eles o Priorato de Refoxos–pertencente ó mosteiro de Celanova–, o fermoso milladoiro da igrexa de San Bieito de Cortegada, o Priorato de Arnoia, a Porta Nova, o Hospital de San Xoán, o Castelo dos Sarmiento e a Igrexa de Santiago (estes catro últimos en Ribadavia), a igrexa de Santa María de Beade, a ponte medieval de Leiro, os mosteiros de San Clodio, Melón e Aciveiro, a igrexa de Doade, as de Santa Mariña e San Miguel de Presqueiras, a Torre de Alarma da Barciela en Castrelo, a ermida de San Amaro en Meavía, a igrexa de Pardemarín, a igrexa e a Casa de Recarei en Curantes, a igrexa románica de Santo Tomé de Ancorados, a igrexa románica e o Pazo da Mota en San Martiño de Riobó e a ponte de Sarandón, onde mesmo o peregrino, se é destro nas artes da pesca, pode facerse con algún exemplar de Salmo Salar, o divino Salmón que poboa o Ulla. Por se iso soubese a pouco, tamén estarían os eventos vinculados ás respectivas zonas, desde a Festa da Istoria de Ribadavia ata a Festa do Salmón en A Estrada, pasando pola Festa do Pemento da Arnoia, a Festa da Anguía en Castrelo do Miño, a Festa da Vendima en Leiro, a Festa das Mudacións en Boborás, a Festa do Porco Celta en Beariz, a Festa do Cogumelo en Soutelo de Montes, o Festival Folk Churruchao en Presqueiras, a Festa da Richada en Forcarei ou a Festa da Augardente en Vedra. Moitas boas razóns para non esquecer un camiño de peregrinaxe e comercio que é, como xa se dixo, un dos máis antigos deste noso vello país celta no que o tempo afondou os camiños, os peitorís e os rostros, onde todo nos semella arcaico, doutra idade.

Para saber máis:

  • ANDRADE CERNADAS, J. Miguel. O Tombo de Celanova. Tomos I e II.
  • CIERBIDE MARTINEDA, Ricardo. Estatutos Antigos da Orde de San Xoán de Xerusalén. Goberno de Navarra, 1999.
  • ESTÉVEZ PÉREZ, José Ramón. Datos Históricos, na páxina web “Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro”. Ribadavia, 2009.
  • FERNÁNDEZ REY, Aser Angel. “Los puentes de la provincia de Orense a principios del siglo XIX”. Porta da Aira nº 5. 1992-1993.
  • FERREIRA PRIEGUE, Elisa. “Los Caminos Medievales de Galicia”. Boletín Auriense, anexo 9, Museo Arqueolóxico Provincial. Ourense, 1988
  • FERRO COUSELO, Xesús. Tumbo de Fiaes.
  • FONTOIRA SURÍS, Rafael. Informe sobre as Rutas Xacobeas por Terra de Montes.
  • Consellería de Cultura e Xuventude. Pontevedra, 1991.
  • GARCÍA TATO, Isidro. La Encomienda Gallega de la Orden Militar de San Juan de Jerusalén, estudio y edición documental. Santiago, 2004.
  • GONZÁLEZ GARCÍA, Miguel Angel. Ribadavia Jacobea y Hospitalaria. Pontevedra, 1993.
  • LEIROS FERNÁNDEZ, Eladio. Catálogo de los Pergaminos Monacales del Archivo Catedral de Orense. Nº 763, páx. 67.
  • LÓPEZ FERREIRO, Antonio. Fueros Municipales de Santiago y de su Tierra. Editorial Castilla. 1895.
  • PÉREZ CASAL, Cástor. Datos Históricos, na páxina web “Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro”. Ribadavia, 2009.
  • ROZADOS “ROCHI”, Francisco. Memoria de Trasdomonte. Libro de relatos. Edicións Fervenza. A Estrada. 2003
Advertisements

Unha opinión sobre “O Vreeiro por Terra de Montes e Tabeirós. Comercio e peregrinaxe”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s