De mouros, mouras e musulmáns

Manoel.pngManoel da Costa

Artigo:
De mouros, mouras e musulmáns


Nun dos relatos do libro da miña autoría, Mirequelledigo. Crónicas dun filósofo tabernario, explico que, en Galicia, mouros, mouras e musulmáns non son precisamente a mesma cousa.

Sarracenos, ára­bes, ismaelitas, agarenos ou mahometanos, sonche, a máis desa xente coa que nos meten o medo no corpo aqueles que nos deberan meter moito máis, os seguidores dun profeta analfabeto afeccionado a casar con viúvas, naturais ou á forza.

Di o meu personaxe con humor mais que discutible, para continuar explicando de contado:

Mouros, pola contra, son os outros, os estraños, os habitantes da Galicia dos castros e das mámoas, os construtores ancestrais de túneles cheos de tesouros que lles permiten ir dun a outro sen ser vistos. Seres que deixaron a súa escrita nas rochas nunha linguaxe que ninguén pode entender, e que que os estudosos chaman petróglifos.

Certo é que moitos literatos, e algún que outro etnógrafo, opinan que as lendas de mouros están relacionadas coa presenza dos musulmáns na Península Ibérica, cousa que, na nosa opinión, pode ser certa noutras terras da citada península, pero carece de xustificación antropolóxica en Galicia, onde falamos de mouros no sentido de escuros, e escuros non de pel senón de orixe secreto, de costumes ocultas e de hábitos misteriosos. Mouro, polo tanto de descoñecido, ignorado, estraño. Algún filólogo [1] defendeu a teoría de que o termo procede do celta mrvos, orixe da palabra latina mortuus, e polo tanto con os habitantes do alén, os mortos, pero tal teoría non tivo moito predicamento.

Ademais de nas lendas populares e nos relatos literarios elaborados a partir deles, os mouros aparecen en moitos topónimos galegos, normalmente asociados a presenza de castros, mámoas, petróglifos e outros monumentos megalíticos, pero tamén a ruínas e restos de antigas fortificacións. Os túmulos megalíticos de Mouros no concello de Crecente, a mámoa Casa dos Mouros na parroquia de Candeán en Vigo, o castro do Campo do Mouro en Mouriscados (Mondariz), o petróglifo Mouromorto na parroquia de Calo son algúns dos incontables [2] exemplos de topónimos do primeiro tipo e a fortificación da Torre dos Mouros na parroquia de Lira, en Carnota, do segundo.

Mámoa.jpg

Resumindo moito, porque os mouros (como os ogros) son como as cebolas que teñen moitas capas, os mouros son todo o que non somos nos. Son os antigos poboadores de Galiza pero non son os nosos devanceiros, senón unha raza aparte cuxas características están construídas en grande medida por oposición ás nosas. Nós somos cristiáns, eles pagáns; nos traballamos de día e durmimos pola noite, eles dormen de noite e saen polo día; nos vivimos en casas, eles en castros, mámoas, e covas debaixo da terra. Emporiso son semellantes a nos en moitas cousas: gústalles comer, beber, bailar e facer música, e, a xulgar polo relatado en moitas das lendas que chegaron ata nos, grandes afeccionados ao comercio carnal coas mozas da nosa raza.

Os mouros e as mouras comparten xeografías míticas e algúns atributos, pero non son o mesmo. Mentes a figura do mouro semella ter unha orixe simbólica e cultural que ten coma función principal a construción da nosa identidade por oposición ao que eles son e representan, os mitos das mouras están directamente relacionados coas antigas deidades femininas vinculadas á natureza. No libro antes citado diciamos neste sentido:

E como os galegos somos afeccionados a estes paradoxos, tampouco as Mouras son as mulleres dos Mouros, senón moiras, espíritos da natureza, do mundo dos Elementais, os seres espirituais vencellados aos catro elemen­tos, terra, aire, fogo e auga.

As mouras, que nalgúns relatos figuran como donas, damas, señoras, señoritas, princesas e raíñas, son en todos eles figuras de enorme beleza, pel branca e meixelas rosadas, o que apoia a tese antes exposta en canto da orixe do nome. Con todo non hai o mesmo acordo na color dos seus cabelos; hai lendas que falan de branco, as hai que de negro ou louro, pero ás máis das veces a color dos cabelos das Mouras son rubios, é dicir roibo ou tirando ao vermello.

As Mouras, mulleres de grande fermosura, se lle aparecen ao camiñante á beira de ríos, lagoas, estanques ou fontes,

“Os cabelos peitando, c’un lindo peine d’ouro que deslumbraba o mirarlo”

Cabe dicir que peitearse en público e mostrar o cabelo solto, fermoso e ben coidado é un elemento de sedución de eficacia ben probada. As lendas presentan as mouras como seres sensuais e de grande atractivo sexual, prototipos dunha sexualidade feminina activa e sen prexuízos, salvaxe e instintiva, ben afastada do paradigma de comportamento das mulleres da nosa comunidade.

As mouras viven en fontes, pozas, ríos, penedos, castros, mámoas e noutros monumentos megalíticos e aínda en formacións naturais que teñan unha certa peculiaridade. Posúen grandes riquezas que ofrecen aos homes a cambio dalgunha proba.

Ás veces as Mouras aparécenselles aos homes en forma de serpe, dicíndolles que para rachar o encantamento teñen que lle dar nove bicos na boca, e se o facían, casarían con ela e faríanse ricos ao des­encantarse de vez os seus tesouros.

“O que me desencantare,nove bicos na boca me ha de dare”

O ilustre etnógrafo ourensán Vicente Risco recolleu catro formas ou situacións nas que as mouras acostuman a manifestarse aos humanos, ás que que Rafael Quintía Pereira na súa interesantísima achega ás V Xornadas de Literatura de Tradición Oral celebradas pola AELG no 2005 engade dúas mais, que nos parece interesante recoller de contado.

  1. A moura aparece peiteando o seu cabelo dourado ou rubio cun peite de ouro.
  2. A moura aparece cunha tenda ou unha manta chea de alfaias e cousas de ouro postas a asollar. O camiñante que topa con ela ten que responde-las preguntas da moura. Se non atina coa resposta correcta sobrevenlle unha desgraza.
  3. A moura preséntase diante dun mozo ó que cita para que veña desencantala outro día. O día da cita a moura preséntase en feitura de serpe, e o mozo debe vence-lo medo ou o noxo se a quere desencantar. Ás veces, a moura serpentiforme aparece cun caravel nos beizos que o mozo ten que quitarlle, ou pídelle un bico nos beizos. Eses son os xeitos de rompe-lo feitizo ou encantamento que engaiola a moura.
  4. As mouras que se aparecen, ás veces tres, están encantadas nunha fonte ou nunha peneda.

A estas catro posibilidades recollidas por Risco, Quintía engade as dúas seguintes:

  1. A moura aparéceselle a unha persoa e pídelle un favor —por exemplo, que a peitee— e dálle en agradecemento un presente, xeralmente de ouro, pero a recompensa sempre está condicionada a gardar un segredo ou a non ve-lo agasallo ata chegar a casa.
  2. A moura aparécese coidando unha galiña con sete pitos de ouro.

Se o lector tivo afouteza abondo para seguirnos ata este punto destes retrincos que arredor de Mouros, Moiras e musulmáns bosquexamos con mais humor que coñecemento, estamos seguros que ten abondo claro que mouros e mouras comparten escenario mítico e moitos carácteres pero son cousas distintas, corresponden a esquemas, orixes e mitos distintos, pero teñen pouco, por non dicir nada, que ver cos seguidores daquel profeta do deus de Abraham nado na Meca e finado en Medina, fundador do islam e cuxos seguidores tantas crebaduras de cabezas danos a cotío.


Nota[1]: O autor desta teoría foi o erudito galego, catedrático de lingua grega e autor de estudos especializados sobre epigrafía, toponimia e paleolingüística galaica e hispana Isidoro Millán González-Pardo, II conde de Quirós, que naceu en Pontevedra o 11 de xuño de 1922 e morreu en Santiago de Compostela o 17 de decembro de 2002. Isidoro Millán foi membro numerario da Real Academia Galega.

Nota [2]: Os Asentos dos Mouros do castro de Soutomerille, en Castroverde; o Burato dos Mouros do Pico Sacro; o Chan das Mouras ou Outeiro das Mouras, na parroquia pontevedresa de San Martiño de Salcedo; a Eira dos Mouros, no castro de Toiriz en Silleda; a Pena dos Mouros, na Fraga de Marrondo en Castroverde; a Pena da Moura do monte Bocelo en Toques; a Pía da Moura, en Entrimo; e a Silla dos Mouros no alto do Espicho do Faro, en Salceda de Caselas, son outras das mais citadas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s